20/12/10

Comentamos a primeira lectura: "Mi año"


O xoves 9 de decembro reunímonos para comentar "Mi año" de Taniguchi. A orientadora do centro, María Guerreiro, dirixiu esta sesión aportándonos a súa visión particular da lectura e como experta sobre a síndrome de Down. Foi moi interesante e instructivo. Moitas grazas, María!

12/12/10

O club en contra da violencia de xénero

O xoves 25 de novembro reunímonos os membros do club para ler o relato "Paciencia" de Paula Carballeira recollido no libro "Camiñan descalzas polas rochas" e publicado por Amnistía Internacional e Tris Tram.
A través da lectura deste impresionante relato reflexionamos sobre as posibles causas desta grande lacra da nosa sociedade.

28/10/10

Primeira reunión do club no curso 2010-2011

Hoxe tivemos a primeira reunión do club de lectura! Nela comentamos a organización deste novo curso do club e fixemos entrega da primeira lectura. Neste caso, imos ler todos o mesmo. Pero, como somos tantos (que ben!), en posteriores lecturas faremos dous grupos: o grupo I (1º e 2º ESO) e o grupo II (3º e 4º ESO). Mirade que guap@s estabamos:

24/10/10

Esperando impacientemente a primeira reunión deste ano!

O vindeiro xoves 28 de outubro celebraremos a primeira reunión do club neste curso 10/11 na que entregaremos as primeiras lecturas:
Os grupos I(1º e 2º ESO) e II(3º e 4º ESO) leran, esta vez en común, o cómic "Mi año" de Taniguchi. Dentro dun mes, aproximadamente, volveremonos reunir con María (a nosa orientadora) para que nos faga algún comentario sobre esta lectura xa que, como poderedes comprobar, versa sobre unha temática moi particular.
En canto ao grupo de adultos, a nosa primeira lectura será "La princesa de hielo" de Camilla Läckberg. Unha novela de misterio e suspense para comezar dunha maneira intrigante este curso.

19/9/10

Váisenos a creadora do club.

Este ano temos que dicirlle adeus a Eva que, moi ao seu pesar, deixa o noso centro para iniciar unha nova andaina por outras terras.
A min só se me ocurre unha palabra que dicirlle: GRAZAS. Grazas por ser como eres e grazas polo inmenso labor realizado durante os dous últimos anos. Estou segura de que ninguén podería nin poderá levar mellor o club de lectura ca ti. Iso si, non dubides que sempre formarás parte do noso club.

22/6/10

Ata o vindeiro curso, lectores!

Hoxe tivemos a última xuntanza desta xeira, na que comentamos
La ciudad de las bestias, e á que se incorporaron xa os rapaces e rapazas do 3º ciclo de Primaria, ós que animamos para que se unan a nós o próximo curso. Bicos e moitos libros para todos neste verán!

10/6/10

O único que queda...


Os lectores más vellos deste club tivemos a nosa última xuntanza deste curso onte. Nela comentamos o magnífico libro de relatos O único que queda é o amor, de A. Fernández Paz. Non só combina perfectamente a unidade temática do conxunto coa diversidade argumental de cada historia, senon que emprega unha linguaxe doada de comprender, que facilita a lectura, ó tempo que fai constantes referencias a outras obras literarias contemporáneas, en moitos casos cítanse fragmentos poéticos, que sosteñen gran parte da trama.
Nós achegamos uns versos de J. A. Valente e unha bibliografía á reunión, aproveitando que varios relatos empregan textos deste escritor galego. Non deixedes de mergullarvos nalgún libro del se tedes a oportunidade.
Rematado o noso tempo de lecer en grupo, ben é certo que o único que queda é o amor... polos libros e por todos os máxicos universos recreados neles.
Aquí vos deixamos esta pequena gran biblioteca de recomendacións literarias que enche o corredor de secundaria de amor polos libros e polas súas historias; todos os títulos foron escollidos polo alumnado ou o profesorado deste centro escolar.

24/5/10

Visita de María Reimóndez

O venres pasado tivemos entre nós a esta escritora, como podedes ver aquí.

19/5/10

Non damos feito

Aviso para navegantes lectores: o venres día 21 virá visitarnos ó centro unha coñecida escritora galega, non deixedes de achegarvos á biblioteca para participar nesta actividade.
Vaia xornada fixemos o xoves pasado: visitamos a Casa dos Poetas e o Mosteiro de San Salvador en Celanova; a Virxe do Cristal e a Torre da Homenaxe en Vilanova dos Infantes, e Castromao.

Aquí tedes esta imaxe como recordo.

13/5/10

Non nos esperedes hoxe para traballar. Imos de excursión a Celanova!

4/5/10

últimas novas

Aviso para os desprevenidos membros do club de lectura que aínda non entregaron a correspondente autorización para a excursión a Celanova do día 13 de maio. Que se acaba o prazo!


A biblioteca mural coa que conmemoramos este ano o Día do Libro e o Día das Letras Galegas, xa está disposta no corredor de Secundaria, para que vaiades colocando nela os vosos títulos recomendados, se aínda non o fixestes.



A segunda edición da Feira do Libro foi de novo todo un éxito, tanto de ventas como de público e o mellor é que os libros foron os verdadeiros protagonistas.


21/4/10

Feira do libro

Recordámosvos que mañá remata o prazo para facer doazóns para a II Feira do Libro, na que estarán á venda ademais de libros, revistas e materiais audiovisuais de segunda man, en bon estado de conservación. Lembrade que é a beneficio da excursión de fin de curso de 3º e 4º de ESO.

8/4/10

Próximas xuntanzas

As datas para as próximas reunións son as seguintes: para o grupo de lectura inicial, o xoves 15; o grupo de lectura avanzada, e o grupo de adultos, o mércores 14.

25/3/10

recoller novas lecturas


Recordade que podedes coller os libros antes das vacacións: Historias para calquera lugar, os de iniciación á lectura; Tristes armas de Marina Mayoral, os de lectura avanzada e a obra para a sección de adultos é Volando solo, de R. Dalh.

18/3/10

Onte tivemos unha sesión de lectura en francés, moi divertida; Marta levounos un libriño moi ameno coa historia de Olivia e unha tira cómica "d'un enfant terrible" da viñeta suiza, Titeuf.

Que dicir deste pequeno libro-álbum de Ian Falconer, onde a intensidade da infancia é reflectida en só tres cores básicas (vermello, blanco, negro), de maneira que as palabras fican como agachadas, sometidas á sinxeleza cromática e narrativa.

Por outra banda, como presentar a este rapaz inxenioso, estrela no ámbito do cómic francófono, auténtico fenómeno de masas contemporáneo!
O éxito das súas historietas débese ó tratamento descarado, fresco e orixinal de temas máis ou menos escabrosos, como o sexo e o escatolóxico, que o autor fai, sempre evitando o que poida resultar ofensivo. Zep somérxese na perspectiva infantil, insólita e pouco comprensible para o adulto que ten outras coordenadas mentais, e alí xorde o cerne do seu humor.

15/3/10

Recordámosvos que estamos a elaborar un mural en memoria de Ana Frank, unha rapaza xudía que permaneceu escondida en Amsterdam, durante varios anos, coa súa familia na II Guerra Mundial, e escribiu un diario coa súa experiencia. Morreu no campo de concentración de Bergen-Belsen o 12 de marzo de 1945, uns días antes de que este campo fose liberado polos aliados.

3/3/10

Curioso incidente

Os máis lonxevos deste club de lectura estivemos a falar hoxe da nosa última lectura en común: a obra de Haddon O curiososo incidente do can a medianoite.
Coma sempre, houbo opinións para todos os gustos, e máis no referente á profundidade e ó realismo na achega á problemática do protagonista. Sen embargo, todos valoramos o interese que ten a obra en relación con aspectos como a inclusión de materiais variados (ecuacións, planos, figuras icónicas...), a trama argumental que arrinca próxima o xénero detectivesco e despois deriva cara a complexa situación persoal e familiar do protagonista, sempre mantendo un ton lúdico e cheo de pingas humorísticas que se manifesta na curiosa perspectiva que ofrece o narrador de todo o que lle ocorre.

A colleita de textos de amor que se realizou o mes pasado, quedou exposta no mural "Vai de amor", como podedes ver nesta imaxe.


11/2/2010
Hoxe fixemos o comentario de Querido hijo: estás despedido.

10/2/10

Xuntanza para o crime

A reunión de hoxe do club de lectura puxo de manifesto o poder de convicción dunha profe de matemáticas do centro, Bea, que impediu o seu propio asasinato polos voraces lectores de El asesinato del profesor de matemáticas.

Por certo, Bea propúxonos os presentes resolver a idade á que morreu Diofanto, que foi un home da antigüidade tan amante das matemáticas que elexiu este curioso -e problemático- epitafio: "Deus concedeulle ser neno a sexta parte da súa vida, unha duodécima parte posterior dela cubriu de barba a súa faciana; encendeu nel a antorcha do matrimonio tras unha sétima parte e, cinco anos despois, concedeulle un fillo. Un fillo de nacemento tardío que o destino lle arrincou cando alcanzou a metade da súa vida. Consolou a súa aflicción coa ciencia dos números durante os catro anos seguintes, despois dos cales a súa vida de extinguiu".
Cantos anos viviu este ilustre matemático? Pois nada, esperamos as vosas respostas

4/2/10

Datas de próximas xuntanzas

O grupo de iniciación (Querido hijo: estás despedido) reúnese para comentar o libro o xoves 11 de febreiro; o grupo avanzado (El asesinato del profesor de matemáticas) o mércores 10; e os adultos (El curioso incidente del perro a medianoche) despois do Antroido.
Onte tivemos a xuntanza presencial en inglés,na que
Ana Arias nos achegou algúns versos nesta lingua, nalgúns casos musicados; tamén fixemos unha breve incursión no xénero teatral, e algúns dos asistentes exerceron de David e Sarah. Toda unha aventura!

22/1/10

Mural creativo

Recordámosvos que podedes participar no mural creativo sobre a Paz que se elaborará ata o día 30 deste mes, contribuindo coa vosa creatividade.