25/3/10

recoller novas lecturas


Recordade que podedes coller os libros antes das vacacións: Historias para calquera lugar, os de iniciación á lectura; Tristes armas de Marina Mayoral, os de lectura avanzada e a obra para a sección de adultos é Volando solo, de R. Dalh.

18/3/10

Onte tivemos unha sesión de lectura en francés, moi divertida; Marta levounos un libriño moi ameno coa historia de Olivia e unha tira cómica "d'un enfant terrible" da viñeta suiza, Titeuf.

Que dicir deste pequeno libro-álbum de Ian Falconer, onde a intensidade da infancia é reflectida en só tres cores básicas (vermello, blanco, negro), de maneira que as palabras fican como agachadas, sometidas á sinxeleza cromática e narrativa.

Por outra banda, como presentar a este rapaz inxenioso, estrela no ámbito do cómic francófono, auténtico fenómeno de masas contemporáneo!
O éxito das súas historietas débese ó tratamento descarado, fresco e orixinal de temas máis ou menos escabrosos, como o sexo e o escatolóxico, que o autor fai, sempre evitando o que poida resultar ofensivo. Zep somérxese na perspectiva infantil, insólita e pouco comprensible para o adulto que ten outras coordenadas mentais, e alí xorde o cerne do seu humor.

15/3/10

Recordámosvos que estamos a elaborar un mural en memoria de Ana Frank, unha rapaza xudía que permaneceu escondida en Amsterdam, durante varios anos, coa súa familia na II Guerra Mundial, e escribiu un diario coa súa experiencia. Morreu no campo de concentración de Bergen-Belsen o 12 de marzo de 1945, uns días antes de que este campo fose liberado polos aliados.

3/3/10

Curioso incidente

Os máis lonxevos deste club de lectura estivemos a falar hoxe da nosa última lectura en común: a obra de Haddon O curiososo incidente do can a medianoite.
Coma sempre, houbo opinións para todos os gustos, e máis no referente á profundidade e ó realismo na achega á problemática do protagonista. Sen embargo, todos valoramos o interese que ten a obra en relación con aspectos como a inclusión de materiais variados (ecuacións, planos, figuras icónicas...), a trama argumental que arrinca próxima o xénero detectivesco e despois deriva cara a complexa situación persoal e familiar do protagonista, sempre mantendo un ton lúdico e cheo de pingas humorísticas que se manifesta na curiosa perspectiva que ofrece o narrador de todo o que lle ocorre.

A colleita de textos de amor que se realizou o mes pasado, quedou exposta no mural "Vai de amor", como podedes ver nesta imaxe.


11/2/2010
Hoxe fixemos o comentario de Querido hijo: estás despedido.