21/12/12

Reunión do grupo de adultos - O Principiño

No día de onte reunímonos na biblioteca do centro para falar da novela O principiño. En xeral gustounos moito e coincidimos nas múltiples lecturas que se poden facer destas obras en segundo a idade do lector. 

Tamén falamos de como se poden aplicar as ensinanzas do libro á nosa forma de vida actual.
Con vistas á próxima reunión acordamos ler De profundis de  Miguelanxo Prado, mentres pensamos que outra obra ler a continuación.

13/12/12

Novos libros para vindeira reunión

Tal e como acordamos na reunión do mércores para a vindeira reunión leremos dous libros diferentes:
  1. para aqueles aos que lles gustan as obras longas Febre, de Héctor Carré, que trata dunha rapaza de 17 anos que comeza unha loita contra as inxustizas que se estánn producindo nunha mina de wolframio
  2. para aqueles que prefiren ler obras máis breves, escollemos un relato de Manuel Rivas, A lingua das bolboretas

Contamos con ter exemplares de ambos proximamente na nosa biblioteca e xa vos teremos informados ao respecto.

12/12/12

Sesión O Principiño

Hoxe reunímonos todo o alumnado de secundaria do Club de Lectura e mais o profesorado coordinador coa intención de comentar O principiño de Antoine de Saint-Exupéry.
Aínda que non todo o mundo rematara de ler a obra falamos dela e intentamos ver que había destrás de cada situación e personaxe do libro. Aqueles de nós que remataramos de ler a obra coincidimos en que é un libro moi interesante e que ten un final que merece a pena verse.
Tamén puidemos gozar co precioso exemplar desta obra que trouxo o profesor Carlos Vázquez García.
Finalmente quedamos en establecer dous groupos para vindeiras reunións, un para aqueles interesados en ler unha obra máis breve, dos que intentaremos ter exemplares dispoñibles proximamente na biblioteca do centro.

7/12/12

Concurso de minicontos

O xornal en galego De luns a  venres acaba de convocar unha nova convocatoria do concurso de minicontos en galego. As instrucións son as seguintes:
  • Os relatos deben estar escritos en lingua galega, segundo a normativa vixente e ser orixinais.
  • A extensión máxima será de 1.200 caracteres (sen contar espazos). Comproba este dato no procesador de texto cando escribas (Arquivo-propiedades-estatísticas).
  • Pódense presentar ata 3 relatos por autor ou autora.
  • Hai que envialo a minicontosoutono@l-v.es (por corrreo electrónico) ou por correo postal (Rúa Fernando de Casas Novoa, 35A, 1ºB, 15707 Santiago de Compostela).
  • O primeiro premio será de 600 euros, o segundo de 300 e o terceiro de 100.
  • O resultado do certame farase público a principios de 2013.

30/11/12

Data sesión O Principiño

A novela O principiño comentarémola ao longo do mes de decembro nas reunións que teñamos a tal efecto.
Faremos unha reunión o mércores 12 no recreo da mañá para todo o alumnado mentres que o grupo de adultos reunirase a semana seguinte, posiblemente o mércores 18 ou xoves 19 despois das clases.
Agardamos vervos na reunión.

8/11/12

O Principiño

Este mes o alumnado de ESO do Club de Lectura de Guntín imos ler a obra de Antoine de Saint-Exupéry, O Principiño. Para iso mercamos varios exemplares tanto de galego coma en castelán para que poidades elixir en que lingua queredes lelo.

Confiamos en poder celebrar a reunión a finais deste mes de novembro, antes de que teñamos moitos exames.

23/10/12

Primeira reunión do curso 2012-2013


O próximo xoves 25 de outubro durante o recreo das 12:15 celebraremos a primeira reunión do noso Club de Lectura no bilbioteca do centro.

Estades todos invitados a asistir e informarvos dos nosos plans para este curso.
Xa nos veremos.

27/8/12

Encontro con Neira Vilas en Betanzos

A finais do mes de xullo en Betanzos presentouse a exposición itinerante conmemorativa do cincuentenario da publicación de Memorias dun neno labrego. En  dita exposición diversos artistas presentaban interpretacións persoais da obra literaria e estreábase un retrato do escritor.


retrato de Neira Vilas por Sabela Arias
Como sempre Xosé Neira Vilas foi moi ameno ao relatar anécdotas da súa interesante vida e dos coñecidos seus en España e América nunha época de cambios e revolucións.


A exposición que xa leva máis dun ano percorrendo Galicia seguirá o seu decorrer polas nosas terras e esperamos que se achegue a terras lucenses nun futuro.

9/8/12

Aniversario da morte de Herman Hesse

Hoxe celébrase o 50 aniversario do pasamento do escrito alemán,  Premio Nobel de Literatura en 1946, e falecido o 9 de agosto de 1962. Unha boa excusa para achegarnos aos seus libros que podemos atopar en calquera biblioteca.

A web de RTVE achéganos un vídeo sobre Herman Hesse.

8/8/12

Os xogos olímpicos

Inmersos como estamos nos Xogos Olímpicos 2012, pode ser ese un bo momento para ler algún libro con esta temática. Estes son os nosos recomendados:
  • Uderzo e Goscinny: Astérix e os xogos olímpicos. Un clásico con Astérix e Obélix como protagonistas e moi recomendable para os máis novos que busquen pasar un bo rato.
  • Gerónimo Stilton 47: El misterioso caso de los juegos olimpicos. Interesantísimo para os afeccionados aos libros protagonizados por Gerónimo Stilton.
  • Crowther, Robert: Todo sobre los juegos olímpicos. Este libro e outros similares poden proporcionarnos información sobre a orixe dos xogos, e datos interesantes e curiosidades sobre os mesmos.
  • Hai diversas biografías interesantes sobre personaxes clave no desenvolvemento dos xogos olímpicos. Personaxes como o fundador dos xogos Pierre de Cubertin, Juan Antonio Samaranch, etc.
  • Se queremos ler algo en inglés, temos o libro de Flinders: The Olympic Games, escrito nun nivel de inglés axeitado para 3º ou 4º de ESO.


9/7/12

Memoria de fin de curso

Como cada curso, ao remate das actividades do noso Club, elaboramos unha memoria que recolle as principais actividades realizadas ao longo de todo o ano. Este curso lemos moitas obras nos diferentes grupos e elaborouse unha serie de trípticos para as familias.

As obras lidas foron as seguintes:

Lecturas Infantil
Teresa Durán: O pingüín
Darío Xohán Cabana: Chucho Cacho
Toño Núñez: O mago Antón


Lecturas Primaria
Toño Núñez: O mago Antón
Uderzo e Goscini: Astérix o galo
Quino: Mafalda

Grupo de lectura ESO
Suso de Toro: Así foi doutor
Xosé Neira Vilas: Memorias dun neno labrego
Agustín Fernández Paz: As flores radiactivas
Quino: Mafalda
 Agustín Fernández Paz: Contos por palabras
Varios autores: Escolma de poesía

Grupo de lectura adultos
Agatha Christie: O asasinato de Roger Ackroyd
Xosé Neira Vilas: Memorias dun neno labrego
María Dueñas: El tiempo entre costuras
Jane Austen: Orgullo e prexuízo
Carme Riera: Naturaleza casi muerta
Paul Auster: Brooklyn Follies

 Se queredes ver os trípticos e a memoria final, aquí os tedes:

23/6/12

Excursión do Club de lectura Guntín

Á entrada da catedral de Mondoñedo
O pasado xoves 21 realizamos a excursión anual do noso Club. Este ano fomos a Mondoñedo e á Mariña.

En Mondoñedo estivemos acompañados polo alumnado do Club de Lectura do IES Lama das Quendas, e acompañados dun guía percorremos a cidade: a catedral, o seminario, as casas de Álvaro Cunqueiro, a ponte do pasatempo e o cemiterio onde vimos as tombas de Álvaro Cunqueiro, Díaz Jácome, Leiras Pulpeiro e Pascual Veiga.

No Seminario Don Félix Villares que nos agasallou uns exemplares da revista que edita o centro escolar.
Despois fomos ata a Marina e aló estivemos na praia das catedrais e Ribadeo.

casa de Álvaro Cunqueiro

onda a ponte do Pasatempo

cemiterio de Mondoñedo-nicho de Álvaro Cunqueiro

Praia das Catedrais
Finalmente chegamos a Guntín ás 8 da tarde dun día no que o bo tempo foi a nosa compañía.

20/6/12

Últimas sesións do club en Primaria

No día de onte realizamos dúas sesións do Club de Lectura nas que comentamos as obras lidas ultimamente.

O alumnado de 6º leu Mafalda, obra que lle gustou bastante polo seu sentido do humor e crítica social nunha situación de cambios e crise da Arxentina dos anos 70 similar á nosa actual.

O alumnado de 3º, 4º e 5º leu diferentes exemplares de Astérix e comentamos aspectos xerais e falamos dos nosos personaxes favoritos e dos episodios que máis nos gustaron.

13/6/12

Viaxe final do Club de lectura


O vindeiro xoves 21 os membros habituais do Club de lectura Guntín estamos convidados a unha excursión a Mondoñedo e a costa de Lugo. Esperamos pasalo ben e aprender moito sobre os escritores minonienses.



monumento a Álvaro Cunqueiro

10/6/12

V Xornadas de Clubs de Lectura en Santiago

No día de onte celebrouse no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela a Xornada anual de Clubs de Lectura. Houbo ponencias moi interesantes e puidemos sacar interesantes ideas sobre actividades a desenvolver en próximos cursos.

31/5/12

Última reunión deste curso


O mércores 30 reunímonos no grupo de adultos do Club de Lectura Guntín para comentar a obra de Paul Auster, Brooklyn Follies. Gustounos o espírito positivo co que remata a pesar de que as primeiras páxinas permitíronnos pensar nun desenlace máis escuro e dramático.


En xeral gustounos bastante a todas e moitas de nós pensamos ler outras obras súas este verán. Por exemplo, Invisible ou Sunset Park.

Tamén recordamos que o xoves 21 de xuño contamos realizar unha excursión todos os membros do Club de Lectura que queiramos asistir. En principio contamos con ir cara Mondoñedo, cidade natal de moitos escritores, ou a costa de Lugo.

30/5/12

Sesión sobre poesía e música


O pasado mércores 23 realizamos unha sesión co alumnado da ESO na que falamos dunha serie de poemas recollidos na escolma poética "Poesía e música" que contiña poemas variados de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Cunqueiro, Machado, Benedetti, etc.


Todos eles teñen versión musical que escoitamos. Sen dúbida a poesía ten na música unha boa compañeira.

23/4/12

Día do libro

Hoxe é un ano máis o 23 de abril, día do libro. Estamos todos invitados a mercar algún libro pero, sobre todo, a ler.
Felíz día do libro.


foto da Galipedia

10/4/12

Os nosos libros para este mes

Se non hai novidades proximamente teremos as reunións correspondentes aos libros que estamos lendo actualmente. A falta de que acordemos outra cousa quedarán así:



5ª REUNIÓN ADULTOS
LIBRO: Carmen Riera: Naturaleza casi muerta
25 DE ABRIL ÁS 16:00 HORAS NA BIBLIOTECA


5ª REUNIÓN ALUMNADO
LIBRO: Agustín Fernández Paz: Contos por palabras
18 DE ABRIL ÁS 12:15 NA BIBLIOTECA


Xa nos vemos alí,

10/3/12

Próximas lecturas

Acordamos nas últimas reunións que as próximas lecturas que imos realizar sexan:
  • no grupo de ESO, Contos por palabras, de Agustín Fernández Paz
  • e no grupo de adultos, Naturaleza casi muerta, de Carme Riera
Imos mercar os exemplares que proximamente estarán á vosa disposición na biblioteca do centro.

Carme Riera, autora de Naturaleza casi muerta

8/3/12

Últimas reunións do Club


O día 29 de febreiro reunímonos co alumnado de ESO para comentar a obra de Quino, Mafalda. En xeral gustou moito polo seu humor. 

O Club de adultos tamén se reuniu o mércores 7 de marzo para comentar Orgullo e prexuízo de Jane Austen, que nos serviu para comentar moitas cousas entre elas a situación da muller na sociedade desde a época victoriana ata hoxe.

Seguimos pendentes de decidir as vindeiras obras a ler no Club para o mes de abril.

29/2/12

Reunión do Club

Hoxe mércores 29 de febreiro reunímonos na biblioteca para falar de Mafalda, a obra de Quino. Varios dos presentes leramos varios exemplares e outros só un. En xeral gustounos o libro aínda que hai detalles que nos reminten á Arxentina dos anos 60 e 70. Dado que a crise imperaba en Arxentina daquela resultan apropiadas para a nosa crise actual.

23/2/12

Próximas sesións

As próximas sesións do noso Club de lectura terán lugar os días seguintes:

QUINO: Mafalda - o próximo mércores 29 de febreiro ás 12:15 horas

AUSTEN, Jane: Orgullo e prexuízo, o mércores 7 de marzo ás 16:15 horas

26/1/12

próxima sesión sobre Orgullo e prexuízo


No día de onte reunímonos no Club de lectura para comentar o libro El tiempo entre costuras e amosamos as nosas diversas opinións sobre o mesmo. Ao final da reunión acordamos que a próxima obra a ler será o libro de Jane Austen, Orgullo e prexuízo. Aquí tedes un enlace para saber máis da obra, sobre a que faremos a reunión a finais de febreiro.

Se che interesa o formato electrónico desta obra tela aquí en inglés en pdf e castelán en pdf e en castelán en htm.


Esta foto recolle a reunión que tivemos para comentar El tiempo entre costuras.

24/1/12

sesión sobre Mafalda

Xa podemos ir lendo as obras de Quino, os seus libros de Mafalda, que desde a semana que vén terán reforzos na biblioteca pois imos adquirir novos exemplares para que todos teñamos a oportunidade de lelos.
Se queres saber máis de Quino ou Mafalda, pica aquí para descargar o documento.

18/1/12

Sesión sobre As flores radiactivas de Agustín Fernández Paz

No recreo de hoxe mércores o grupo de alumnado de ESO comentamos a última obra que lemos dentro das actividades do Club de Lectura deste curso escolar, As flores radiactivas de Agustín Fernández Paz. Gustounos porque é unha novela de acción e sobre unha temática de actualidade. Intentamos buscarlle outros finais alternativos pero finalmente preferimos o que tiña a obra. O que si pareceunos un tanto improbable o final, por moita radiación que poida haber non parece probable que teña o efecto de modificar o comportamento da xente, e menos para mellor.

Finalmente acordamos que a próxima obra que leremos sexan os comics de Mafalda. Imos ler os libriños pequenos pero cada un lerá un número diferente e irémolos intercambiando de aquí á data do exame.

Os que non puidestes vir á reunión, animádevos a ler a obra de Quino, Mafalda, e quedamos na próxima reunión que aínda está por fixar pero probablemente sexa a finais de febreiro.