4/6/13

Viaxe dos membros do Club

Na casa de Rosalía de Castro en Padrón
Coma en anos anteriores, os membros habituais do noso Club de lectura fixemos unha viaxe que neste caso foi a Padrón e a Santiago.
En Padrón, primeira visita do día, vimos a casa da poeta Rosalía de Castro. Alí tamén nos xuntamos cos membros do Club de Lectura do IES de Quiroga cos que fixemos a visita. Fóra da casa da Matanza fixemos diversas actividades por grupos nas que nos xuntamos os membros de ambos Clubs de lectura.

Xa con ganas de xantar, dirixímonos ao Comedor Universitario do Monte da Condesa, onde xantamos no restaurante de auto-servizo. A continuación e a pé, fomos desde o Campus Sur ata a Catedral de Santiago. Na Alameda sacámonos unha serie de fotos con Valle-Inclán e mais coas Marías.

Ao chegar á catedral demos unha volta vendo as diversas portas e prazas que a rodean: as Praterías, Azabachería, a Porta Santa e, como non, a Praza do Obradoiro.
Na catedral unhas guías dividíronnos en dous grupos que nos foron explicando como fora feita e os seus rasgos principais: as diferentes representacións do Apóstolo Santiago, a valor do monumento, a utilidade da tribuna arredor do edificio, etc. Seguidamente subimos ata as cubertas, explicáronnos como era a estrutura do edificio, vimos as vistas da cidade desde esa perspectiva e percorremos as distintas naves de que consta.
Finalmente, collemos o autobús e volvemos ata Guntín despois de parar brevemente nun centro comercial.