12/5/24

Dobre misterio para lectores de 1º de ESO: "Os Megatoxos e o reto de Internet" e "A coroa de Napoleón"


 "Os Megatoxos e o reto de Internet" de Anxo Fariña, pon na man de catro estudantes de ESO e dous profesores especiais, o reto de pelexar cun monstruo líquido que revive inesperadamente. 

Cada personaxe ten poderes diferentes despóis de entrar nun laboratorio e se pinchar cun toxo; poderes tales como invocar a forza de civilizacións extinguidas, de dar vida a obxectos inanimados... e que han de conxugar para recuperar a vida normal dos rapaces da súa idade.

Os lectores reflexionan e coinciden nos riscos que Internet sen "control", sen espurgo das propostas que nos tentan diariamente, poden perxudicarnos seriamente.

É un libro recomendable, con moita pelexa, fantasía e intriga ata dar co final ansiado.

"A coroa de Napoleón"de Jaureguizar,  da man de Tintimán e o seu gato torto, Sr. Grozni, sitúanos na Coruña; de xeito divertido vai expondo certos contratempos que sofren os investigadores ata atopar a valiosa peza:a coroa de Napoleón, agasallo do goberno francés. Esta peza ten un valor histórico para a cidade, e a súa perda, provocaría un conflicto diplomático .

O mellor da novela é a parte histórica e presentación de diferentes lugares da cidade da Coruña.





4/5/24

"Las increíbles aventuras de 10 calcetines fugitivos" valorado polos lectores de 6º de EP

Las increíbles aventuras de 10 calcetines fugitivos: (Cuatro derechos y seis izquierdos)

Libro de Daniel de Latour y Justyna Bednarek

Un libro divertido que gustou moito e que parte de algo que todos vivimos, a desaparición dalgún calcetín cando poñemos a lavadora.

Este libro tamén conta cunhas ilustracións preciosas que fan as delicias de calquera que o lea.

En definitiva un libro altamente recomendable se queres pasar un bo rato de maneira sinxela e amena, xa que as historias son breves e independentes.


Os lectores de 5º de EP, len, escriben e debaten sobre "Moncho e Dríar"

Esta historia , relata a vida de dous rapaces de doce anos separados por unha distancia aparentemente insalvable: 3.000 anos.
Dríar vive nunha sociedade do futuro, no ano 5045 e Moncho é un rapaz da Galicia de hoxe. Os dous levan vidas ben distintas. Dríar vive nunha sociedade colectivizada e tecnificada, na que toda a vida está programada de antemán e onde non hai lugar para o pensamento e a autonomía individual. Moncho, fillo único dunha familía da clase media actual, ten unha vida normal: vai á escola, lévase ben cos pais e ten un can, Lis, que é o seu grande amigo.
Finalmente acaban por se coñecer, nacendo entre eles unha fermosa amizade.
Todos os lectores se identifican con Moncho e co amor ao seu can Lis.

 




Cómic, ensaio e novela , obras de Bea Lema, Miguel A. Murado e E. Mendoza, debatidas por lectoras do grupo de adultos


"El cuerpo de Cristo", comic de Bea Lema, preséntanos de forma autobiográfica a enfermidade mental de súa nai. 

Vera, a protagonista, conta ademáis dos problemas mentais, a incomprensión dos que a rodean e a indiferencia dos profesionais que a tratan, que a manteñen no mundo da supersticións, exorcismos, potingues e creencias varias.

A vida de Vera queda anclada pola intensa relación coa nai, que se manifesta no uso de bordados, labor tradicionalmente asociada á vida doméstica das mulleres.

"Outra idea de Galicia",extraordinaria obra de Miguel A. Murado  que nos presenta un recorrido histórico da socioloxía, emigración, política, literatura, música,...partindo dun riguroso eloxio ao mapa de Fontán.

Co emprego dun estilo irónico, o autor vai desmontando tópicos sobre Galicia, tanto por turistas como polos propios galegos.

"Tres enigmas para la organización", esta novela de detectives, con un equipo de nove axentes secretos, levan a cabo unha apaixoante investigacion. A exposición dos feitos con  sentido do humor e moita fantasía, lémbranos aos clásicos policíacos.







3/5/24

Lectores de 2º de ESO, descobren Santiago de Compostela con "Corazón de chocolate" de Santiago Jaureguizar


Co aprendiz de xornalista e investigador,Tintimán, un rapaz de dezaseis anos atrevido e algo insolente, amosa en Corazón de chocolate,a misteriosa cidade de Santiago de Compostela .

O reporteiro investigará se realmente existe a Irmandade Xelmírez, unha seita perversa, ou se só e unha lenda. Señor Grozni, un gato cun parche nun ollo, e unha amiga que se presenta como a súa moza, achegaranlle a axuda precisa para que Tintimán descubra a verdade.

Aínda que a historia é ben fantástica, consigue manter o lector ansioso ata o final.