27/3/26

A avoa gángster

Hoxe tocou lectura de A avoa gángster, libro que estiveron lendo nas últimas semanas os alumnos e alumnas de 1º de ESO do noso club de lectura.

Coincidimos todos que é un libro no que custa chegar a saber como acaba pois a historia da avoa gángster é moi potente e verosímil. Tamén falamos desta avoa tan peculiar: peideira, con olor a repolo e con necesidade de maior atención, porque só conta coa presenza dos seus fillos cando a necesitan para algunha cousa.

Un libro interesante que nos fai desexar lerlle unha segunda parte, algo que esperamos ter na biblioteca proximamente pois hai outra novela do mesmo autor traducida na mesma colección máis recen
temente.

26/3/26

Reunión do grupo de familias

 Esta semana tivemos unha nova reunión do grupo de familias, reunión que tivemos que cambiar do mércores previsto ao xoves por motivos de axenda.

Esta novela, que nos fala do caso de acoso escolar de Isma, foi un pretexto perfecto para para poder falar sobre diversos casos reais de acoso escolar porque todas coincidimos no realista dos puntos de vista presentados na novela.

Tamén quedamos de vernos o luns 20 de abril cando a autora deste libro veña ao noso centro escolar para falarnos da xénese do libro.



25/3/26

La muy catastrófica visita al zoo

Acabamos de ler en 6º de educación primaria La muy catastrófica visita al zoo de Joël Dicker, unha novela que aúna perfectamente investigación con humor.

Quen anegaría a escola? Hai múltiples sospeitosos pero só un pode ser culpable e moitos son os que os estudantes da escola especial deberán considerar como candidatos a este delito.

Esta novela foi todo un éxito entre os lectores de 6º de primaria que non tiveron medo de enfrontarse a un libro para lectores adultos.


 

16/3/26

Lemos libros en inglés

Tocounos esta semana ler un libro en inglés dentro das actividades do noso Club de lectura: The Prince and the Pauper. Este libro graduado foi unha oportunidade para acceder a unha historia moi interesante así como para mellorar o noso coñecemento do inglés.

Nesta novela Mark Twain fálanos dalgo que nos pasa con frecuencia, que preferimos a vida dos demais á nosa propia, pois tendemos a pensar que é mellor pois non vemos os problemas que poden atopar os demais.



11/3/26

Honorata e a casa das palabras gardadas en 5º de educación primaria

 
En 5º de educación primaria reunímonos o día 11 de marzo para falar da nosa última lectura, Honorata e a casa das palabras gardadas.

Neste libro a gata Honorata pasa múltiples aventuras, desde unha chegada á vida desgrazada, a un viaxe trepidante polo río abaixo e ata a casa das palabras gardadas.

En todo este percorrido coñece a gatos don caracteres moi diferentes e aprende o valor das palabras e das historias.

Un libro moi entretido!










10/3/26

Lendo A agonía das folerpas

No club de lectura do profesorado lemos o día 10 de marzo A agonía das folerpas, a novela coa que Óscar Reboiras gañou en 2022 o Premio Novela Rural.

Un libro sólido, moi ben escrito, ambientado nun mundo rural no que tamén traballamos nós en Guntín, esta novela ten unha trama sólida, unha ambientación lograda e uns personaxes memorables. Os protagonistas están moi ben construídos e varias coincidimos no que nos gustara o personaxe de Fina, coas súas inseguridades e coa que tan fácil é identificarse.

Unha gran novela sobre a que atopamos moito do que falar.


27/2/26

Lectura de Ollos de auga de Domingo Villar

 Onte tivemos a sesión de familias para falar da nosa última lectura, Ollos de auga de Domingo Villar. Agora que hai xa vinte anos do lanzamento desta obra que nos descubriu a un dos mellores narradores en galego, aproveitamos para descubrila (ou redescubrila, segundo o caso).

Gustounos moito como está escrita, o ben que se mantén a intriga, o percorrido pola cidade de Vigo e, sobre todo, ese sentido do humor que aparece nos diálogos entre os dous investigadores, Leo Caldas e Rafael Estévez. Que gran parella de protagonistas!



Sesión de lectura de I'm Obélix

Estes días tivemos unha nova reunión do Club de lectura de 4° de ESO para falar de I'm Obélix. 

Esta obra tratou sobre as múltiples caras do acoso escolar. A través de diferentes personaxes fomos vendo como afecta esta forma de acoso e o demoledora que é para os implicados.

Fíxose inevitable a comparación con outro libro lido neste club de lectura en anos anteriores, Invisible, de Eloy Moreno.

Mesmo Raquel Fernández, a autora, contactou con nós para agradecernos a lectura.



9/2/26

Sesión para ler Morir en la arena de Leonardo Padura

Na nosa sesión de hoxe do Club de lectura de profesorado comentamos o libro de Leonardo Padura, Morir en la arena.

Coincidimos todas no ben escrito que está esta novela, na que se relatan varias historias de amor e vida e a través das que podemos coñecer a situación actual na illa de Cuba, entre a emigración, a pobreza, a falta de liberdades e a desesperanza.

Todos estes elementos compoñen unha preciosa novela que gustou a moitas das integrantes do noso club.

Con vistas a novas reunións acordamos que o calendario das vindeiras lecturas sexa o seguinte:

- martes 10 de marzo, A agonía das folerpas de Óscar Reboiras

- mércores 15 de abril, comentaremos os cómics, Arrugas, de Paco Roca e Adelina de Sandra Lodi

- xoves 14 de maio, La psicología del dinero de Morgan Housel.

O primeiro libro, A agonía das folerpas, xa o lestes case todos. Os que non, avisade para pasarvos unha copia.

Dos comics, Arrugas e Adelina, temos só unha copia, polo que estaría ben que levarades o cómic e que o devolverades canto antes. Se vemos que chega así non mercamos máis exemplares. Hai unha copia de cada un deles e lense en moi pouco tempo os dous.

Finalmente, de La psicología del dinero hai unha copia pero mercaremos dúas máis e tampouco leva moito tempo lelo. A copia que hai xa se levou pero avísovos en canto estean as outras copias.




 

26/1/26

Reunión do club de lectura de familias para ler El diario de Anne Frank


 O pasado mércores tivemos unha nova reunión do club de lectura para familias para ler El diario de Anne Frank, nesta versión de novela gráfica.

Gustounos moito a historia aínda que saber que é real fai que sexa especialmente dura.

Unha das integrantes do grupo leu a versión en texto e coincidimos en que cada versión ten diferentes puntos fortes: a versión orixinal o feito de que son as palabras reais da autora falando da súa vida co diario. a versión gráfica, o acertado das ilustracións e o atractiva da presentación, con moito menos texto e o fundamental da historia.

Para a vindeira reunión quedamos en ler Ollos de auga de domingo Villar.

Sesión de lectura en latín

 O alumnado de educación secundaria tivo unha sesión de lectura en latín con textos do libro Familia romana de Hans Orberg.

Fixemos unha lectura en voz alta e o alumnado voluntario foi traducindo os textos dos capítulos I e II do libro. Vimos como estes textos sinxelos son facilmente deducibles e traducibles para os que falamos algún idioma de orixe latina.



14/1/26

Reunión sobre Honorata e a casa das palabras gardadas

Hoxe tocou en 6º de educación  primaria o comentario de Honorata e a casa das palabras gardadas, o libro de Ánxela Gracián.

Nel Honorata é unha gata que nace cun futuro sombrío pero consegue sobrevivir e remata nun río no que coincide con gatos de diversas orixes e procedencias pasando apuros como para que Honorata chegue a perder unha das súas vidas.

Desois a acción continua cando chegan á Casa das palabras gardadas, onde aprenderán a importancia das palabras e dos libros.

Unha sucesión de aventuras con Honorata de protagonista.



Se non temos libros na foto é por que   o alumnado de 5º está actualmente lendo o libro!


8/1/26

María Quiroga no grupo de profesorado con Perder o norte

Hoxe tivemos o pracer de contar no noso club de lectura do profesorado con María Quiroga, autora da novela Perder o norte, recentemente publicada en Galaxia tras gañar o Premio Illa Nova de 2025.

María falounos desta novela tan emotiva e que fala do proceso de dó sufrido pola narradora trala morte por suicidio dunha boa amiga. Na narración vanse entrelazando dúas liñas diferentes, a historia da amizade desde a infancia ao longo dos anos e mais unha viaxe terapéutica na que a narradora se embarca desde o País Vasco a Galicia en bicicleta percorrendo todo o Cantábrico.

Numerosas referencias a diferentes fontes, lugares, viaxes e experiencias; uns demos que entran e saen da narración e numerosos personaxes que van acompañando na viaxe, fan desta lectura unha experiencia con moitos elementos diferentes que nos acompañan ao longo de toda a narración.

Falounos María da elección da portada cunha versión dun cadro de Maruja Mallo a cargo de Ana Galvañ que acompaña moi ben ao texto, do proceso de escritura ao longo destes anos e da propia relación persoal que inspira o relatado na novela.

Finalmente, contestou as nosas preguntas e asinou os exemplares que tiñamos preparados.