9/12/13

Descubrimos Persépole

Hoxe, despois de rematar as clases da tarde, xuntámonos o grupo III do club de lectura para falar do libro  que limos desta volta. Houbo quen o leu en francés, houbo quen o fixo en galego e quen o fixo en castelán tamén. Estas son as tres edicións que temos na biblioteca do centro e na foto podedes ver as súas diferentes capas.
Foi, en xeral , unha lectura ben acollida a pesares de que para algunha de nós era o primeiro encontro coa banda deseñada dende que abandonamos a Mortadelo e Filemón. Todas concordamos no ben contada que está a historia e na forza  que adquiren as palabras ao apoialas nos sinxelos e expresivos debuxos en branco e negro. Unha visión da historia dun pais en primeira persoa que nos amosa cousas descoñecidas para case todas sobre a cultura e historia  iraní . Algúns dos feitos relatados, coma a revolución islámica ou o ataque de Irak a Irán, fíxonos recuperar lembranzas de como nós vivimos estes acontecementos. Grazas á visión tan humana de presentarnos a historia poidemos reflexionar sobre moitos aspectos socio-políticos do mundo islámico e occidental.
Case todas vimos ademáis o filme que si ben non conta todo o recollido no libro consegue relatar dun xeito bastante fiel a historia tendo ademáis un bó ritmo e unha animación moi ben conseguida.
E xa como o día escapaba e a xeada ameazaba demos por rematada a sesión non sen antes fixar dúas novas lecturas. Pero isto será algo do que vos falaremos noutra publicación...

1 comentario:

  1. A verdade é que foi un descubremento do xénero e dun punto de vista distinto do Irán das últimas décadas. Resultaron unha lectura e un filme moi recomendables... A por as seguintes que tamén prometen! :-)

    ResponderEliminar