22/3/23

"A saga das curandeiras" e "As malas mulleres", libros comentados polos membros do grupo de adultos.

Resaltamos a casi total participación  dos  membros inscritos neste grupo de adultos.
Coincidimos na boa eleción de títulos, a pesar de volver a ser as protagonistas as mulleres, e ben mal paradas nas dúas novelas.

"As malas mulleres" escrito por Marilar Aleixandre, deixounos moita información esquecida ou descoñecida sobre a moral e vida nos cárceres de mulleres, xa nos finais do século XIX, en concreto na de Coruña. Incidimos na inxusticia que se cometía polo simple feito de ser muller: "culpable de todo".

Valoramos tamén o papel das intermediarias, as visitadoras de cárceres; Concepción Arenal e Juana de Vega traballando a prol das excluídas e a recuperación da dignidade das persoas en xeral, así como o papel da lectura como medio para tal fin. 

 "A saga das curandeiras"  levounos á nosa infancia e aos relatos dos nosos antepasados; todas tiñamos alguén que vivíu ou coñeceu as actividades destas "médicas, compostoras, sanadoras..." e que inda hoxe, fan e se respecta a súa actividade.

Destacamos a perfecta exposición dese "traballo" metida nunha novela, con personaxes que identificamos como reais e que devecíamos por descubrir o que lles ía acontecer en cada momento. As datas tamén conmoven ao lector que o fan pór nesa coxuntura social, política e económica: a guerra!    O rigor científico amosado no relato dos usos das diferentes plantas é inmellorable.

Importante o respecto, valor, apoio e recurso final sempre, da familia, amizades e volta aos recunchos da infancia, en contraste coa afouteza da protagonista para que, mediante os estudios, a vida da filla sexa mellor.

  







 

No hay comentarios:

Publicar un comentario