9/2/26

Sesión para ler Morir en la arena de Leonardo Padura

Na nosa sesión de hoxe do Club de lectura de profesorado comentamos o libro de Leonardo Padura, Morir en la arena.

Coincidimos todas no ben escrito que está esta novela, na que se relatan varias historias de amor e vida e a través das que podemos coñecer a situación actual na illa de Cuba, entre a emigración, a pobreza, a falta de liberdades e a desesperanza.

Todos estes elementos compoñen unha preciosa novela que gustou a moitas das integrantes do noso club.

Con vistas a novas reunións acordamos que o calendario das vindeiras lecturas sexa o seguinte:

- martes 10 de marzo, A agonía das folerpas de Óscar Reboiras

- mércores 15 de abril, comentaremos os cómics, Arrugas, de Paco Roca e Adelina de Sandra Lodi

- xoves 14 de maio, La psicología del dinero de Morgan Housel.

O primeiro libro, A agonía das folerpas, xa o lestes case todos. Os que non, avisade para pasarvos unha copia.

Dos comics, Arrugas e Adelina, temos só unha copia, polo que estaría ben que levarades o cómic e que o devolverades canto antes. Se vemos que chega así non mercamos máis exemplares. Hai unha copia de cada un deles e lense en moi pouco tempo os dous.

Finalmente, de La psicología del dinero hai unha copia pero mercaremos dúas máis e tampouco leva moito tempo lelo. A copia que hai xa se levou pero avísovos en canto estean as outras copias.




 

26/1/26

Reunión do club de lectura de familias para ler El diario de Anne Frank


 O pasado mércores tivemos unha nova reunión do club de lectura para familias para ler El diario de Anne Frank, nesta versión de novela gráfica.

Gustounos moito a historia aínda que saber que é real fai que sexa especialmente dura.

Unha das integrantes do grupo leu a versión en texto e coincidimos en que cada versión ten diferentes puntos fortes: a versión orixinal o feito de que son as palabras reais da autora falando da súa vida co diario. a versión gráfica, o acertado das ilustracións e o atractiva da presentación, con moito menos texto e o fundamental da historia.

Para a vindeira reunión quedamos en ler Ollos de auga de domingo Villar.

Sesión de lectura en latín

 O alumnado de educación secundaria tivo unha sesión de lectura en latín con textos do libro Familia romana de Hans Orberg.

Fixemos unha lectura en voz alta e o alumnado voluntario foi traducindo os textos dos capítulos I e II do libro. Vimos como estes textos sinxelos son facilmente deducibles e traducibles para os que falamos algún idioma de orixe latina.



14/1/26

Reunión sobre Honorata e a casa das palabras gardadas

Hoxe tocou en 6º de educación  primaria o comentario de Honorata e a casa das palabras gardadas, o libro de Ánxela Gracián.

Nel Honorata é unha gata que nace cun futuro sombrío pero consegue sobrevivir e remata nun río no que coincide con gatos de diversas orixes e procedencias pasando apuros como para que Honorata chegue a perder unha das súas vidas.

Desois a acción continua cando chegan á Casa das palabras gardadas, onde aprenderán a importancia das palabras e dos libros.

Unha sucesión de aventuras con Honorata de protagonista.



Se non temos libros na foto é por que   o alumnado de 5º está actualmente lendo o libro!


8/1/26

María Quiroga no grupo de profesorado con Perder o norte

Hoxe tivemos o pracer de contar no noso club de lectura do profesorado con María Quiroga, autora da novela Perder o norte, recentemente publicada en Galaxia tras gañar o Premio Illa Nova de 2025.

María falounos desta novela tan emotiva e que fala do proceso de dó sufrido pola narradora trala morte por suicidio dunha boa amiga. Na narración vanse entrelazando dúas liñas diferentes, a historia da amizade desde a infancia ao longo dos anos e mais unha viaxe terapéutica na que a narradora se embarca desde o País Vasco a Galicia en bicicleta percorrendo todo o Cantábrico.

Numerosas referencias a diferentes fontes, lugares, viaxes e experiencias; uns demos que entran e saen da narración e numerosos personaxes que van acompañando na viaxe, fan desta lectura unha experiencia con moitos elementos diferentes que nos acompañan ao longo de toda a narración.

Falounos María da elección da portada cunha versión dun cadro de Maruja Mallo a cargo de Ana Galvañ que acompaña moi ben ao texto, do proceso de escritura ao longo destes anos e da propia relación persoal que inspira o relatado na novela.

Finalmente, contestou as nosas preguntas e asinou os exemplares que tiñamos preparados.