Mostrando entradas con la etiqueta Galaxia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Galaxia. Mostrar todas las entradas

8/1/26

María Quiroga no grupo de profesorado con Perder o norte

Hoxe tivemos o pracer de contar no noso club de lectura do profesorado con María Quiroga, autora da novela Perder o norte, recentemente publicada en Galaxia tras gañar o Premio Illa Nova de 2025.

María falounos desta novela tan emotiva e que fala do proceso de dó sufrido pola narradora trala morte por suicidio dunha boa amiga. Na narración vanse entrelazando dúas liñas diferentes, a historia da amizade desde a infancia ao longo dos anos e mais unha viaxe terapéutica na que a narradora se embarca desde o País Vasco a Galicia en bicicleta percorrendo todo o Cantábrico.

Numerosas referencias a diferentes fontes, lugares, viaxes e experiencias; uns demos que entran e saen da narración e numerosos personaxes que van acompañando na viaxe, fan desta lectura unha experiencia con moitos elementos diferentes que nos acompañan ao longo de toda a narración.

Falounos María da elección da portada cunha versión dun cadro de Maruja Mallo a cargo de Ana Galvañ que acompaña moi ben ao texto, do proceso de escritura ao longo destes anos e da propia relación persoal que inspira o relatado na novela.

Finalmente, contestou as nosas preguntas e asinou os exemplares que tiñamos preparados. 





11/11/25

Comezo do grupo de familias

 Na xornada de hoxe tivemos a primeira reunión do grupo de familias que inauguramos hoxe.

Dado que non tiñamos ningunha lectura prevista para hoxe, dedicámonos a ver que lecturas serían as elixidas para a vindeira reunión no mes de decembro. Finalmente leremos Os nenos da varíola de María Solar e publicado en Galaxia.

Animamos a outras familias (nais, pais, irmáns, avós...) a que se sumen a este grupo, pois tedes libros á vosa disposición na biblioteca do Centro.