10/6/26

Besta do seu sangue

O grupo de alumnado de 4º da ESO rematou o curso cun libro non específico para alumnado xuvenil, Besta do seu sangue, un libro de Emma Pedreira que desenvolve a figura de Manuel Romasanta, o saca untos que aterrorizou Galicia no século XIX.

Varios dos alumnos víronse sorprendidos polas diferentes caras e facetas deste personaxe, desde a súa complexa identidade sexual, a súa educación, e o cruel dos crimes que cometeu ata a súa detención. E mesmo nese momento o misterio que o rodeaba fixo que a súa morte se apartase do que tería sido habitual.



4/6/26

Excursión do Club de lectura

 Hoxe tivemos a moi desexada excursión do noso Club de lectura de Guntín. O alumnado participante no Club de lectura (de 5º de educación primaria a 4º de ESO) tivo a ocasión de participar na nosa excursión do club de lectura. O prograa da nosa excursión foi o seguinte:

  • Saímos de Guntín ás 8.30 da mañá nun autobús.
  • Chegamos sobre as 10.30 ao Museo Xaquín Marín do Humor en Fene. Neste museo tivemos unha mañá chea de actividades moi amenas:
    • Unha visita á colección de viñetas humorísticas.
    • Espellos deformantes.
    • Explicación sobre a figura de Xaquín Marín, a súa obra e a historia do humor en Galicia.
    • Un obradoiro de caricatura, do que saíron preciosos (e terribles) autorretratos do noso alumnado.
  • Xantar na praia de Miño, para o que tivemos bastante bo tempo dadas as previsións.
  • Visita ao Labirinto Breogán en Vilarmaior.
  • Regreso a Guntín ás 20.30.










3/6/26

O club da calceta

Falando de clubs, no noso club de lectura de familias lemos para rematar o curso, O club da calceta de María Reimóndez, unha obra que nos gustou moito porque sentimos unha enorme identificación con varias das súas protagonistas.

Como membros dun club de lectura que moitas veces dá lugar a conversas interesantes partindo do pretexto do libro, puidemos entender que algo así pasase tamén no club de calceta.

Gustáronnos as protagonistas e gustounos o tema da calceta pois varias de nós tamén gustamos desta afección.

Dado que esta foi a última reunión deste curso, aproveitamos para realizala nunha cafetería local en lugar do noso centro escolar.

Tamén falamos da posibilidade de ampliar este grupiño coa cooperación municipal.

O principiño

 Nunha reunión diferente á de 2º de ESO (polo número de exemplares dispoñibles) puxémonos hoxe a comentar O principiño, falando do autor, da historia do libro, das traducións del con que contamos e, especialmente, coa edición troquelada que temos na biblioteca.

O libro resultou bastante complexo para as lectoras pero aínda así todas saímos da reunión entendendo moito mellor o noso principiño e os diferentes personaxes e planetas que vai atopando.

1/6/26

Amancio Amigo, o meigo de Salamanca

 Hoxe realizamos a última reunión do club de lectura deste curso no grupo de 5º de educación primaria. A nosa lectura foi Amancio Amigo, o meigo de Salamanca.

Chamoume a atención a detallada lectura que estes rapaces e rapazas de 5º de primaria realizaron deste libro que seguía as aventuras de Amancio Amigo, un protagonista que gustou tanto que xa estamos pensando en ler máis das súas aventuras o vindeiro curso.

No seu percorrido desde Galicia a Salamanca coñece todo tipo de personaxes e sucédense as aventuras máis tolas, así que Amancio ten que procurar saír airoso e veremos se acaba por atopar o amor.