Mostrando entradas con la etiqueta 2012-2013. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta 2012-2013. Mostrar todas las entradas

4/6/13

Viaxe dos membros do Club

Na casa de Rosalía de Castro en Padrón
Coma en anos anteriores, os membros habituais do noso Club de lectura fixemos unha viaxe que neste caso foi a Padrón e a Santiago.
En Padrón, primeira visita do día, vimos a casa da poeta Rosalía de Castro. Alí tamén nos xuntamos cos membros do Club de Lectura do IES de Quiroga cos que fixemos a visita. Fóra da casa da Matanza fixemos diversas actividades por grupos nas que nos xuntamos os membros de ambos Clubs de lectura.

Xa con ganas de xantar, dirixímonos ao Comedor Universitario do Monte da Condesa, onde xantamos no restaurante de auto-servizo. A continuación e a pé, fomos desde o Campus Sur ata a Catedral de Santiago. Na Alameda sacámonos unha serie de fotos con Valle-Inclán e mais coas Marías.

Ao chegar á catedral demos unha volta vendo as diversas portas e prazas que a rodean: as Praterías, Azabachería, a Porta Santa e, como non, a Praza do Obradoiro.
Na catedral unhas guías dividíronnos en dous grupos que nos foron explicando como fora feita e os seus rasgos principais: as diferentes representacións do Apóstolo Santiago, a valor do monumento, a utilidade da tribuna arredor do edificio, etc. Seguidamente subimos ata as cubertas, explicáronnos como era a estrutura do edificio, vimos as vistas da cidade desde esa perspectiva e percorremos as distintas naves de que consta.
Finalmente, collemos o autobús e volvemos ata Guntín despois de parar brevemente nun centro comercial.


24/4/13

Reunión para ler "Comuñón" de Miguelanxo Murado

Hoxe reunímonos na biblioteca para comentar o relato de Miguelanxo Murado titulado "Comuñón". Este relato está incluído no seu libro Mércores de cinza. Lémolo na propia sesión e en xeral gustounos bastante aínda que a temática é triste e bastante profunda.

17/4/13

Próximos libros e reunións

Nas últimas reunións acordamos que os próximos libros a ler fosen:
grupo de adultos:

  • Thoreau: Desobediencia civil
  • Hessel: Indignaos

grupo de alumnado ESO:

  • Miguelanxo Murado: Comuñón
  • Louisa May Alcott: Mujercitas

Últimas reunións

A semana pasada o grupo de adultos reunímonos para comentar a obra de Ernest Hemingway, O vello e o mar, novela que nos gustou bastante a todos os asistentes.

Hoxe, en cambio reunímonos para comentar, no grupo de ESO, o libro de Fernando Savater, Ética para Amador. Aínda que non todos os asistentes remataran de ler o libro, a impresión xeral foi boa. Coincidimos en que é un tipo de obra moi diferente ao que é ler unha novela.

20/3/13

Lectura de "Aurora"

 Na sesión de hoxe do Club de Lectura falamos de Aurora, o relato de Xosé Neira Vilas.

Gustounos pola súa lingua sinxela, próxima á nosa e mais pola temática rural dos nenos que van aos niños.

13/3/13

Charla de Xabier P. Docampo

No día de hoxe recibimos a visita de Xabier P. Docampo ao noso centro. Na súa charla falounos da importancia da literatura na nosa vida, de como só a través deste medio podemos chegar a coñecer o mundo. Tamén nos dixo que os lectores máis asiduos son as persoas que mellor coñecen o mundo, razón pola que os réximes que queren impoñer a súa ideoloxía sempre procuran limitar o acceso aos libros, pois permiten chegar a crear interpretacións diferentes do mundo.

Finalmente animounos a ler boa literatura e falounos de obras que o marcaron a el como A illa do tesouro de Stevenson ou Crime e castigo de Dostoievski.

8/3/13

Próximos libros a ler

Os próximos libros que imos ler dentro das actividades do Club de Lectura da ESO son Ética para Amador de Fernando Savater e Mujercitas de Louisa May Alcott.

Deste último hay exemplares en castelán e inglés.

Aqueles que ledes relatos e obriñas máis curtas estamos escollendo un relato que vos poida gustar. Polo tanto xa vos avisaremos en canto teñamos a obra e mais a data da reunión.

Respecto ao grupo de adultos estamos a ler a novela breve de Ernest Hemingway, O vello e o mar. 

27/2/13

La prisionera de Eduardo Zúñiga

Mañá na sesión de lectura presencial leremos e comentaremos o seguinte texto de Juan Eduardo Zúñiga:


Juan Eduardo ZÚÑIGA: La prisionera

Estoy en el jardín de un antiguo palacio que no sé de quién fue ni cuál es hoy su dueño. La tarde es húmeda, y otoñal el ocaso; en el blando suelo las hojas mueren adheridas al barro. No hace viento, no oigo ningún ruido entre los árboles que forman paseos en los que mudas estatuas, sobre pedestales de hiedra, alzan su desnudez. 
Quisiera recorrer este extraño jardín, pero estoy quieto. Nadie lo visita, nadie hace crujir el puentecillo de madera sobre el constante arroyo. Nadie se apoya en las balaustradas del parterre ante la fila de bustos que la intemperie enmascaró con manchas verdinegras. 
Estoy ante la gran fachada cubierta de ventanas que termina en altas chimeneas sobre el oscuro alero del tejado. Todo en ella muestra haber sufrido los ataques del tiempo pero estos rigores no dañaron a la única ventana que yo miro. Cada día, tras los cristales, aparece ella, su delicada silueta, y aparta la cortina de tul y largamente pasea su mirada por los senderos que se alejan hacia el río. Vestida de color violeta, siempre seria, eternamente bella, conserva su rostro juvenil, su gesto de candor, atenta a la llegada de alguien que ella espera. Inmóvil, tras el cristal, no habla, no muestra si acepta mi presencia, acaso no me ve. Resignada se dobla mi cabeza sobre el hombro mordido por las lluvias; desearía que sus dedos me rozasen antes de que su mano se haga transparencia. Desfallece mi cabeza enamorada; tras mis ojos vacíos atesoré palabras y palabras de amor dedicadas a ella. Acaso un día logren mover mis labios de durísima piedra.

21/2/13

Próximos libros e reunións

Nas vindeiras semanas temos previstas diversas lecturas para os nosos grupos:
  • La sonrisa etrusca de José Luis Sampedro, dentro do grupo de adultos
  • Ética para Amador de Fernando Savater, para o grupo de lectores de libros longos de ESO
  • La prisionera de Juan Eduardo Zúñiga, para o grupo de lectores de relatos breves de ESO
Respecto ás datas das reunións serían as seguintes:
  • xoves 28 de febreiro para La sonrisa etrusca
  • venres 1 de marzo para La prisionera
  • mércores 20 de marzo para Ética para Amador


Agardamos que vos gusten as lecturas.

9/2/13

Reunión sobre Febre de Héctor Carré

O venres pasado reunímonos unha vez máis na biblioteca aqueles que gustamos de ler libros máis longos e comentamos a novela de Héctor Carré, Febre, na que o autor conta unha historia ambientada no medio da febre do wolframio coa Segunda Guerra Mundial de fondo. 
A protagonista feminina realiza un complexo percorrido desde unha vida doada ata a súa inmersión na febre por mercar wolframio a un prezo crecente cada día, con vistas a facer cartos para financiar o seu proxecto dunha escola para mulleres desfavorecidas.
O libro gustounos globalmente aínda que algúns de nós comentamos que era difícil o feito de que non fose unha historia lineal, a cantidade de personaxes, ou a complexa situación histórica de fondo.
Tamén comentamos un bo número de personaxes pola súa particularidade ou polo imprevisible do seu papel dentro da trama.

2/2/13

Reunión sobre A lingua das bolboretas de Manuel Rivas

O pasado venres día 1 reunímonos na biblioteca para falar do relato de Manuel Rivas "A lingua das bolboretas" incluído no seu libro ¿Que me queres, amor?

En conxunto a todos os que o rematamos gustounos moito e comentamos diversos aspectos do mesmo, o estilo, a mentalidade da época, a forma na que a xente cambia as súas ideas para parecer respectable ante a sociedade e, sobre todo, a forma de ensinar do mestre.

17/1/13

Reunión sobre De Profundis


Onte reunímonos no grupo de adultos para comentar a obra de Miguelanxo Prado, De Profundis, obra que gustou moito a varios membros do Club pero non así a outros, aos que non lles chegou tanto o ambiente fantástico que desenvolve a obra.


Nesta mesma reunión fixamos as próximas lecturas do grupo de adultos:

  • La sonrisa etrusca de José Luis Sampedro 
  • O vello e o mar de Ernest Hemingway

21/12/12

Reunión do grupo de adultos - O Principiño

No día de onte reunímonos na biblioteca do centro para falar da novela O principiño. En xeral gustounos moito e coincidimos nas múltiples lecturas que se poden facer destas obras en segundo a idade do lector. 

Tamén falamos de como se poden aplicar as ensinanzas do libro á nosa forma de vida actual.
Con vistas á próxima reunión acordamos ler De profundis de  Miguelanxo Prado, mentres pensamos que outra obra ler a continuación.

13/12/12

Novos libros para vindeira reunión

Tal e como acordamos na reunión do mércores para a vindeira reunión leremos dous libros diferentes:
  1. para aqueles aos que lles gustan as obras longas Febre, de Héctor Carré, que trata dunha rapaza de 17 anos que comeza unha loita contra as inxustizas que se estánn producindo nunha mina de wolframio
  2. para aqueles que prefiren ler obras máis breves, escollemos un relato de Manuel Rivas, A lingua das bolboretas

Contamos con ter exemplares de ambos proximamente na nosa biblioteca e xa vos teremos informados ao respecto.

12/12/12

Sesión O Principiño

Hoxe reunímonos todo o alumnado de secundaria do Club de Lectura e mais o profesorado coordinador coa intención de comentar O principiño de Antoine de Saint-Exupéry.
Aínda que non todo o mundo rematara de ler a obra falamos dela e intentamos ver que había destrás de cada situación e personaxe do libro. Aqueles de nós que remataramos de ler a obra coincidimos en que é un libro moi interesante e que ten un final que merece a pena verse.
Tamén puidemos gozar co precioso exemplar desta obra que trouxo o profesor Carlos Vázquez García.
Finalmente quedamos en establecer dous groupos para vindeiras reunións, un para aqueles interesados en ler unha obra máis breve, dos que intentaremos ter exemplares dispoñibles proximamente na biblioteca do centro.

7/12/12

Concurso de minicontos

O xornal en galego De luns a  venres acaba de convocar unha nova convocatoria do concurso de minicontos en galego. As instrucións son as seguintes:
  • Os relatos deben estar escritos en lingua galega, segundo a normativa vixente e ser orixinais.
  • A extensión máxima será de 1.200 caracteres (sen contar espazos). Comproba este dato no procesador de texto cando escribas (Arquivo-propiedades-estatísticas).
  • Pódense presentar ata 3 relatos por autor ou autora.
  • Hai que envialo a minicontosoutono@l-v.es (por corrreo electrónico) ou por correo postal (Rúa Fernando de Casas Novoa, 35A, 1ºB, 15707 Santiago de Compostela).
  • O primeiro premio será de 600 euros, o segundo de 300 e o terceiro de 100.
  • O resultado do certame farase público a principios de 2013.

30/11/12

Data sesión O Principiño

A novela O principiño comentarémola ao longo do mes de decembro nas reunións que teñamos a tal efecto.
Faremos unha reunión o mércores 12 no recreo da mañá para todo o alumnado mentres que o grupo de adultos reunirase a semana seguinte, posiblemente o mércores 18 ou xoves 19 despois das clases.
Agardamos vervos na reunión.

8/11/12

O Principiño

Este mes o alumnado de ESO do Club de Lectura de Guntín imos ler a obra de Antoine de Saint-Exupéry, O Principiño. Para iso mercamos varios exemplares tanto de galego coma en castelán para que poidades elixir en que lingua queredes lelo.

Confiamos en poder celebrar a reunión a finais deste mes de novembro, antes de que teñamos moitos exames.

23/10/12

Primeira reunión do curso 2012-2013


O próximo xoves 25 de outubro durante o recreo das 12:15 celebraremos a primeira reunión do noso Club de Lectura no bilbioteca do centro.

Estades todos invitados a asistir e informarvos dos nosos plans para este curso.
Xa nos veremos.