8/1/26

María Quiroga no grupo de profesorado con Perder o norte

Hoxe tivemos o pracer de contar no noso club de lectura do profesorado con María Quiroga, autora da novela Perder o norte, recentemente publicada en Galaxia tras gañar o Premio Illa Nova de 2025.

María falounos desta novela tan emotiva e que fala do proceso de dó sufrido pola narradora trala morte por suicidio dunha boa amiga. Na narración vanse entrelazando dúas liñas diferentes, a historia da amizade desde a infancia ao longo dos anos e mais unha viaxe terapéutica na que a narradora se embarca desde o País Vasco a Galicia en bicicleta percorrendo todo o Cantábrico.

Numerosas referencias a diferentes fontes, lugares, viaxes e experiencias; uns demos que entran e saen da narración e numerosos personaxes que van acompañando na viaxe, fan desta lectura unha experiencia con moitos elementos diferentes que nos acompañan ao longo de toda a narración.

Falounos María da elección da portada cunha versión dun cadro de Maruja Mallo a cargo de Ana Galvañ que acompaña moi ben ao texto, do proceso de escritura ao longo destes anos e da propia relación persoal que inspira o relatado na novela.

Finalmente, contestou as nosas preguntas e asinou os exemplares que tiñamos preparados.