27/2/26

Lectura de Ollos de auga de Domingo Villar

 Onte tivemos a sesión de familias para falar da nosa última lectura, Ollos de auga de Domingo Villar. Agora que hai xa vinte anos do lanzamento desta obra que nos descubriu a un dos mellores narradores en galego, aproveitamos para descubrila (ou redescubrila, segundo o caso).

Gustounos moito como está escrita, o ben que se mantén a intriga, o percorrido pola cidade de Vigo e, sobre todo, ese sentido do humor que aparece nos diálogos entre os dous investigadores, Leo Caldas e Rafael Estévez. Que gran parella de protagonistas!



Sesión de lectura de I'm Obélix

Estes días tivemos unha nova reunión do Club de lectura de 4° de ESO para falar de I'm Obélix. 

Esta obra tratou sobre as múltiples caras do acoso escolar. A través de diferentes personaxes fomos vendo como afecta esta forma de acoso e o demoledora que é para os implicados.

Fíxose inevitable a comparación con outro libro lido neste club de lectura en anos anteriores, Invisible, de Eloy Moreno.

Mesmo Raquel Fernández, a autora, contactou con nós para agradecernos a lectura.



9/2/26

Sesión para ler Morir en la arena de Leonardo Padura

Na nosa sesión de hoxe do Club de lectura de profesorado comentamos o libro de Leonardo Padura, Morir en la arena.

Coincidimos todas no ben escrito que está esta novela, na que se relatan varias historias de amor e vida e a través das que podemos coñecer a situación actual na illa de Cuba, entre a emigración, a pobreza, a falta de liberdades e a desesperanza.

Todos estes elementos compoñen unha preciosa novela que gustou a moitas das integrantes do noso club.

Con vistas a novas reunións acordamos que o calendario das vindeiras lecturas sexa o seguinte:

- martes 10 de marzo, A agonía das folerpas de Óscar Reboiras

- mércores 15 de abril, comentaremos os cómics, Arrugas, de Paco Roca e Adelina de Sandra Lodi

- xoves 14 de maio, La psicología del dinero de Morgan Housel.

O primeiro libro, A agonía das folerpas, xa o lestes case todos. Os que non, avisade para pasarvos unha copia.

Dos comics, Arrugas e Adelina, temos só unha copia, polo que estaría ben que levarades o cómic e que o devolverades canto antes. Se vemos que chega así non mercamos máis exemplares. Hai unha copia de cada un deles e lense en moi pouco tempo os dous.

Finalmente, de La psicología del dinero hai unha copia pero mercaremos dúas máis e tampouco leva moito tempo lelo. A copia que hai xa se levou pero avísovos en canto estean as outras copias.