7/5/23

"El rostro de la sombra" encandila e fai reflexionar ao alumnado de 3º e 4º de ESO

 


"El rostro de la sombra" de Alfredo Gómez Cerdá coa súa linguaxe áxil , con diálogos verosímiles que lle dan dinamismo e profundidade aos personaxes, conseguiu que os dezaséis alumnos de 3ª e 4ª de ESO, foran quenes de rematar a súa lectura; contestaron axeitadamente a unha batería de vinte preguntas de resposta curta e logo comentamos distintas actuacións dos protagonistas.

Conclúen que o argumento é : o que ía ser unha aventura  divertida, ir de "movida, tirar unhas pedras á M30, grabar e subir o video para que se faga viral, convértese nun pesadelo por implicar ás propias familias e o instituto, e intervención da policía.

A obra é un drama sobre a amizade,  a xusticia , a pérdida...onde se desencadenan sentimentos contradictorios e consecuencias indeseadas.

É unha lectura moi recomendable porque os propios lectores se ven protagonistas e reflexionan nas consecuencias de actos impulsivos e pouco valoradas as súas consecuencias.







2/5/23

"La isla del árbol perdido" e " El fundamentalista reticente" motivo de xuntanza do grupo de adultos.


Elif Shafak con "La isla del árbol perdido", sitúanos no ano 1974 durante a invasión turca e a destrución de Nicosia.
Apaixoante historia de dous namorados que se ven a escondidas nunha taberna na que medra unha figueira, que a súa vez é a única conexión que a protagonista ten coa terra dos seus antepasados.
Un camareiro agóchaos por ser ela turca musulmana e el griego cristiano, relación que non acepta a familia, máxime en tempos de invasión de Chipre por parte dos turcos.
Preséntanos unha detallada relación de usos, beneficios e disfrute de diversas plantas e animais,(eucaliptos, figueira, mosquitos, formigas...) e a relación directa coas persoas.
A linguaxe empregada é fluida, sinxela, e que convida a ler como se fósemos coprotagonistas.

"El fundamentalista reticente" de Mohsin Hamid "relata mediante un monólogo a vida dun brillante estudiante paquistaní; Changez, o protagonista, ascende vertixinosamente na élite social neoiorquina ata esquecer o seu orixe e vida familiar. Os acontecementos do 11-S , removen a súa conciencia e aparece o dilema moral que lle supoñen risco para a súa propia vida , plantexa a indecisión de seguir progresando ou protexer os ideais da súa nación e proteción da familia.  

O relato vai paralelo á vida real do propio autor polo que nos fai máis creíble a información exposta.












17/4/23

Alumnado de 5º de EP comparten vivencias da lectura: " La foto de los 10000 me gusta"

 


O alumnado de 5° de EP analiza e desfruta co debate do libro “La foto de los 10.000 me gusta” de Nando López.

Este libro  libro  gustou moito, tanto polo xénero literario empregado (teatro) como polos feitos que nel se relatan (uso das redes sociais).

Despois de falar sobre os aspectos máis técnicos do libro e sobre os protagonistas da obra e as súas preocupacións, centrámonos no debate sobre o uso dos móbiles e das redes sociais:

- idade adecuada para ter móbil

- idade mínima legal das distintas redes sociais

 - redes sociais que empregan

- aspectos positivos e negativos do anonimato nas redes… É un libro recomendable pola súa doada lectura e porque os acontecementos teñen interese para os rapaces e rapazas a partir dos dez anos.














22/3/23

"A saga das curandeiras" e "As malas mulleres", libros comentados polos membros do grupo de adultos.

Resaltamos a casi total participación  dos  membros inscritos neste grupo de adultos.
Coincidimos na boa eleción de títulos, a pesar de volver a ser as protagonistas as mulleres, e ben mal paradas nas dúas novelas.

"As malas mulleres" escrito por Marilar Aleixandre, deixounos moita información esquecida ou descoñecida sobre a moral e vida nos cárceres de mulleres, xa nos finais do século XIX, en concreto na de Coruña. Incidimos na inxusticia que se cometía polo simple feito de ser muller: "culpable de todo".

Valoramos tamén o papel das intermediarias, as visitadoras de cárceres; Concepción Arenal e Juana de Vega traballando a prol das excluídas e a recuperación da dignidade das persoas en xeral, así como o papel da lectura como medio para tal fin. 

 "A saga das curandeiras"  levounos á nosa infancia e aos relatos dos nosos antepasados; todas tiñamos alguén que vivíu ou coñeceu as actividades destas "médicas, compostoras, sanadoras..." e que inda hoxe, fan e se respecta a súa actividade.

Destacamos a perfecta exposición dese "traballo" metida nunha novela, con personaxes que identificamos como reais e que devecíamos por descubrir o que lles ía acontecer en cada momento. As datas tamén conmoven ao lector que o fan pór nesa coxuntura social, política e económica: a guerra!    O rigor científico amosado no relato dos usos das diferentes plantas é inmellorable.

Importante o respecto, valor, apoio e recurso final sempre, da familia, amizades e volta aos recunchos da infancia, en contraste coa afouteza da protagonista para que, mediante os estudios, a vida da filla sexa mellor.

  







 

19/3/23

" Os nenos da varíola" deleita e instrúe ao alumnado de 4ª e 3ª de ESO


 






Alumnos de 4º e 3º de ESO, cubriron unha ficha para refrescar datos da lectura do libro"Os nenos da varíola" e nela demostraron que aprenderon moita información da que non  oiran falar, e na que nunca se lles ocurriría pensar, a pesar de ter pasado recentemente unha pandemia, e que se  "controlou" grazas as vacinas descubertas para a ocasión.

Incidiron no método empregado, na eleción dos portadores, nas dificultades da longa viaxe , das pésimas condicións  que ían soportar e da descoñecida vida que  lles esperaba en América.

Outro tema descoñecido era a vida nos orfanatos e aproveitamos para reflexionar sobre os privilexios dos que desfrutamos en tódolos sentidos: familia, alimentación, educación, sanidade, e recursos varios.

Xurdíu tamén o recente recoñecemento da enfermeira a pesar de pasar tanto tempo e ter sido a máis implicada e perxudicada no traslado da vacina.

Por todo o debatido, a información exposta e porque ten unha linguaxe asequible e un formato en capítulos para ler en varias etapas,  aconsellan a lectura deste libro. 

10/3/23

"113 cosas que hacer antes de los 13 " analizadas polos alumnos/as de 1º de ESO



Os alumnos/as de 1º ESO, analizaron as 113 propostas individualmente e cada quen escolleu a que lle pareceu máis orixinal, simpática, inalcanzable, conquistadora... e así se elaborou a lista exposta.

Coinciden en que este libro debe ser persoal para poder ir completando as actividades realizadas, e que lles deu moitas ideas  para autoesixirse ao longo do ano, curso, etapa educativa... 
 

"El club de los especiales" e "Jamalají- Jamalajá", lidos polo alumnado de 6º de EP



Moita  imaxinación tivo derrochar o protagonista de Jamalají- Jamalajá para conseguir ver ao seu ídolo Bruce Springteen que actuaba na súa cidade e como os adultos non o entenden, en especial os pais, non lle deixan ir ao concerto. Localiza o hotel no que se aloxa e a partir dese momento todo son marabillosas aventuras. 
Recomendan esta lectura polas aventuras narradas.

Con "El club de los especiales" debatiron sobre a conveniencia de que os alumnos con altas capacidades deben integrarse nas aulas ordinarias ou ben xuntarse con compañeiros do seu nivel intelectual; o protagonista síntese mellor e iso é o que importa.
Con esta lectura aprenderon a valorar as diferenzas ente eles e a recoñecer que Todos somos especiales nalgunha disciplina e que teñen que respectar os comportamentos diferentes de Todo o alumnado.